Trisquel, libre e en Galego

4 respuestas [Último envío]
anonymous

Ola!

En canto vin de primeiras o proxecto Trisquel, chamáronme a atención dúas cousas, que son, penso, as características máis salientables do sistema e das que máis se gaba (permitídeme a expresión), o proxecto: que é libre e que está Galego. Literalmente: “O proxecto xurdiu da necesidade de crear un sistema operativo libre e en galego”.

Isto só é un pequeno recordatorio do segundo, porque se ben o primeiro precepto, o de que sexa libre é cumplido estrictamente (cousa pola que vos felicito), co segundo penso que non se está tendo o mesmo coidado. Cada vez as noticias en Galego saen máis tarde, e as novas do foro son anunciadas sempre en Castelán ou, como deferencia , (digo eu que será iso) o Galego vai de segundo. Sen ir máis lonxe entereime do de Flisol polo foro -o evento xa rematou e nova aínda non apareceu na portada galega da web-; os que temos o Galego como idioma prederterminado nos nosos buscadores resulta que son uns segundóns... E non falo en sentido metafórico.

Ao final a tendencia semella ser como di a wiki (de novo textual): “Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo 100% libre e en gallego”. Así, en castelán e con minúscula.

Espero que non se tome a mal esta chamada de atención; só me gustaría que se mantivese a proposta inicial; “ un sistema operativo libre e en galego”, e que se coidase o trato co idioma co mesmo respeto co que se coida o software libre.

Unha aperta!

zenbaki
Desconectado/a
se unió: 02/05/2009

Ola.
Agrego algo máis sobre o tema:
En “Idiomas”, así como figuran Inglés (de Inglaterra, e non Británico) e Galego (de Galicia), debería figurar Castelán (de Castilla, e non Español), como moi ben fíxoo abe en:
http://gl.wikipedia.org/wiki/Trisquel_GNU/Linux
Saúdos.
José Luis

abe (no verificado)

OLa!

Pois si, zenbaki, penso que se se tratase de terminoloxía informática e estivesemos a discutir se poñer "libre" ou "free", habería consenso, ou cando menos debate. Eu nin me dera conta do uso do termo Castelán, sinxelamente paréceme máis axeitado como ben dis para referirme ao idioma, e é o que sempre utilizo.

Non só non teño explicación algunha por parte dos que levan a páxina desta actitude cara o Galego (desidia, indiferencia?), senón que me atopo con que a última nova aparece en Castelán na portada galega! Se se deron conta do erro e non o corrixiron... Malo; se nen sequera se decataron, pois pior.

Insisto: se tratase de software e introducisen, por exemplo, un repositorio que incluise unha soa liña de software privativo o erro correxiríase lixeiriño e mesmo se darían as explicacións pertinentes no foro. Pero semella que estamos lonxe dunha situación tal.

Teño a impresión de que canto máis sube o proxecto menos se coidan certos aspectos. Alédome pola xente que fai Trisquel que se poña tanta atención na "distro", pero dame mágoa que se esquezan dos seus principios -dalgúns dos seus principios, cando menos-.

Unha aperta!

quidam

I am a member!

I am a translator!

Desconectado/a
se unió: 12/22/2004

> Teño a impresión de que canto máis sube o proxecto menos se coidan certos aspectos. Alédome pola xente que fai Trisquel que se poña tanta atención na "distro", pero dame mágoa que se esquezan dos seus principios -dalgúns dos seus principios, cando menos-.

Non esquecemos os nosos principios, pero explicarei o motivo polo que
non todo o contido está en galego.

A cantidade de traballo que desenvolve o proxecto é inxente: Mantemos
tres (pronto catro) edicións do sistema en dúas arquitecturas, e mailo
mantemento dos propios servidores (tanto a web coma o sistema de
desenvolvemento e compilación), amén do esforzo na organización de
charlas e cursos. Por algún motivo parece que o proxecto está a recibir
máis apoio de fora que da propia galicia (o unico usuario que colabora
no wiki é catalán), polo que decidimos empregar para certos anuncios o
idioma que chegue a maior cantidade posible de xente. (o número de
usuarios sudamericanos supera con creces os locais)

Este proxecto é aberto, TODOS podedes axudar, documentando, traducindo,
respondendo ás dúbidas. Se queredes colaborar en manter as traducións da
web, so tedes que solicitar unha conta con privilexios de traducción, e
entre todos conseguiremos ter un proxecto máis acesible.

¿Quén se apunta?

Rubén.
PS: Certamente damos máis importancia a liberdade que o idioma, temos
prioridades e poucos colaboradores, e por desgracia temos que escoller.
As novas que aparecen en castelan na portada galega tamén aparecen en
castelán na web en inglés, e unha cuestión de falta de tempo.

_______________________________________________
Trisquel-usuarios mailing list
name at domain
http://listas.trisquel.info/cgi-bin/mailman/listinfo/trisquel-usuarios

abe (no verificado)

>Certamente damos máis importancia a liberdade que o idioma

Iso quedou claro.

Espero que o día de mañá non teñades que escoller entre liberdade e igualdade entre sexos ou entre liberdade e prioridade de acceso á información, por exemplo.

Porqué nestas situacións semella que a xente se ve necesariamente impelida a escoller?

>Este proxecto é aberto, TODOS podedes axudar

Iso tamén está claro, de feito eu xa fixen as miñas pequenas achegas. Non sei que ten ver iso co fio da discusión.

>polo que decidimos empregar para certos anuncios o
idioma que chegue a maior cantidade posible de xente

Se é cuestión de cantidade de usuarios e colaboradores debiádesvos plantexar utilizar o Inglés coma ferramenta principal, Dragora por exemplo xa o fai, argüindo que é o idioma da computación -é son arxentinos...-.

O argumento non ten moito peso. Se a cousa son os principios e non quen fala qué, pois ben, ou se teñen ou non; no caso do software tédelos no caso da lingua galega non.

Recomendo logo que cambiedes e onde pon

“Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo 100% libre e en gallego”, por un

"Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo 100% libre".

É non o digo con retranca: é que o outro sinxelamente non aporta nada. Sería máis xusto dicir: "Trisquel GNU/Linux é un sistema operativo 100% libre e en Castelán".

Así de súpeto acábome de quedar sen un dos principais motivos polos que escollín Trisquel como sistema operativo. Se o idioma non conta (e xa quedou claro que ese tema é secundario -ou nin eso-) terei que poñerme a valorar aspectos técnicos de outras "distros" libres. Mágoa...

Saude!