Revisión de Xa dispoñible Trisquel 4.5 "Slaine" de Xov, 03/24/2011 - 23:39

As revisións permítenlle rastrexar as diferenzas que hai entre distintas versións dunha entrada.

A nosa última versión está lista para a súa descarga. Inclúe un gran número de melloras, así coma unha importante remodelación do proceso de desenvolvemento -scripts e xaulas de compilación- que foi amplamente revisado con fin de simplificar a automatización de tarefas. Estas melloras fixeron máis sinxela a aplicación de cambios nos paquetes de orixe, levando a un resultado máis correcto e refinado.

Xunto coa corrección dun bo número de erros, Slaine inclúe un novo sistema de arrinque para as imaxes live, un instalador mellorado que amosa ao usuarios algúns dos puntos destacados do proxecto durante o proceso, e novas aplicacións preinstaladas coma o cliente de escritorio remoto Remmina, o agregador de redes sociais Gwibber ou o xestor de copias de seguridade DejaDup.

O navegador web recibiu varios cambios, para mellorar a velocidade -activación do http pipelining entre outros métodos-, a privacidade -bloqueando as cookies de terceiros e pasando a estabelecer coma motor de busca por defecto o Duck Duck Go-, e usabilidade -o complemento FlashVideoReplacer permite a visualización de vídeos en páxinas como Youtube, Vimeo e moitas outras. Estas melloras foron tamén engadidas á versión 4.0 LTS.

Trisquel 4.5 Slaine está baseada en Ubuntu 10.10, e como sempre contén soamente software libre. Entre os principais paquetes están:

  • Linux-libre 2.6.35
  • Xorg 7.5
  • GNOME 2.32
  • Navegador web baseado en Mozilla 3.6.15
  • OpenOffice.org 3.2

Unha das melloras importantes desta edición é a dispoñibilidade dun controlador Nouveau experimental para placas gráficas NVIDIA que permite o uso de aceleración 3d empregando software 100% libre. Aínda que o seu funcionamento xa resulta moi prometedor, pode crear algo de inestabilidade con algunhas tarxetas, polo que por defecto está desactivado. Pode habilitarse simplemente facendo clic aquí.

Como é habitual, Slaine está dispoñible en versións para 32 e 64 bits, e tratándose dunha edición STS conta cun ano de soporte. Os usuarios de Trisquel 4.0 LTS poden escoller entre seguir a empregar esa versión -que inclúe soporte ata o ano 2013- ou migrar a 4.5 mediante o xestor de actualizacións. Para facer que o sistema ofreza esa posibilidade, debe configurarse a aplicación "Fontes de Software" para que amose edicións normais no canto de soamente edicións con soporte a longo prazo. Esta versión pasará a ser o sistema live incorporado nas tarxetas de socio da FSF de agora en diante, substituindo a Trisquel 4.0.

Podes contribuir ao proxecto descargando as imaxes iso e compartíndoas a través de bittorrent. Tamén podes axudar mercando material nas nosas tendas, facendo unha donación, ou convertíndote en socio.

Nos próximos días lanzaremos tamén a edición 4.5 mini, así coma unha actualización incremental para a rama 4.0 LTS.