GPL

Textos orixinais de Mancomún (v3 e v2), adaptados e arranxados. Todos os textos están dispoñibles baixo a licencia CC-BY-SA.

As presentes son traducións non oficiais das licenza pública xeral de GNU ao galego, versión 2 e 3. Non foron publicadas pola Fundación para o Software Libre nin estabelecen legalmente os termos de difusión para o software que se rexa pola licenza pública xeral de GNU («GNU GPL» en inglés); a única que o fai é a versión orixinal en inglés de ambas GPL. No entanto, esperamos que estas traducións lles axuden as e os galegofalantes a comprender mellor a GPL. Calquera copia ou publicación, modificada ou non, deberá facerse baixo os termos do Proxecto GNU.

LICENZA PÚBLICA XERAL DE GNU VERSIÓN 3

Versión 3, 29 de xuño de 2007

Copyright (C) 2007 Free Software Foundation, Inc.

Autorízase a reprodución e difusión das copias do presente documento de licenza, pero prohíbese a modificación de calquera das súas partes.

Preámbulo

A licenza pública xeral de GNU («GNU GPL», en inglés) é unha licenza libre e gratuíta con dereito de copia para programas (soporte lóxico) e outros tipos de obras.

As licenzas para a maioría de programas e outras obras de índole práctica están deseñadas para privar ás persoas da liberdade para difundir e modificar as obras. Pola contra, a licenza pública xeral de GNU garante a libre distribución e modificación de todas as versións dun programa, co fin de asegurarlle a dita liberdade a todas as persoas usuarias. Na Fundación para o Software Libre utilizamos a Licenza Pública Xeral de GNU para a maioría dos nosos programas; tamén se lle aplica a calquera outra obra publicada desta maneira polos seus autores ou autoras. Vostede tamén pode aplicala aos seus programas.

Cando falamos de código libre, fomentamos a liberdade. As nosas licenzas públicas xerais están deseñadas para garantirlle a vostede a liberdade de distribuír copias de programas libres (e cobrar por elas, se así o desexa), obter o código fonte ou ter a posibilidade de obtelo, modificar o programa ou utilizar partes del en novos programas libres; e saber que pode facer estas cousas.

Para protexer os seus dereitos, precisamos evitar que outras persoas ou entidades lle neguen estes dereitos ou lle pidan que renuncie a eles. Por tanto, no caso de que vostede distribúa ou modifique este código, terá certas responsabilidades co fin de garantir a liberdade de uso.

Por exemplo, se vostede distribúe copias dun programa desta natureza, xa sexa de forma gratuíta ou a cambio de cartos, debe estender ás persoas destinatarias do programa (soporte lóxico) as mesmas liberdades que lle foron outorgadas a vostede. Debe asegurarse de que tamén reciban ou teñan a posibilidade de obter o código fonte. E debe mostrarlles os presentes termos co fin de que coñezan os seus dereitos.

As persoas ou entidades desenvolvedoras que utilizan a GPL seguen dous pasos para protexer os dereitos que vostede recibe: (1) declarar os dereitos de autoría do código e (2) ofrecerlle esta licenza para que vostede poida copiar, distribuír e/ou modificar o código legalmente.

Para protexer o desenvolvemento e a autoría, a GPL explica claramente que non se ofrecen garantías por este software libre. Polo ben do público usuario e da protección da autoría, a GPL esixe que as versións modificadas se identifiquen como tales, de modo que os problemas que poidan conter estas versións non se lles atribúan erroneamente ás persoas desenvolvedoras de versións anteriores.

Existen algúns dispositivos deseñados para negarlles ás persoas usuarias o acceso para instalar ou executar versións modificadas dos programas que conteñen, mentres que a industria pode facelo. Isto é esencialmente incompatíbel co obxectivo de protexer a liberdade das persoas usuarias para modificar o código. O patrón sistemático de tal abuso dáse na área de produtos para o uso por parte de persoas a nivel individual, precisamente unha área na cal se volve máis inaceptábel. Por tanto, deseñamos esta versión da GPL co fin de prohibir a práctica en tales produtos. No caso de que eses problemas xurdisen noutras esferas, existe pola nosa parte unha vontade de atender a este tipo de casos en futuras versións da GPL, segundo se requira para protexer a liberdade das persoas usuarias.

Por último, todos os programas se ven ameazados constantemente por patentes de software. Os estados non deberían permitirlles ás patentes restrinxir o desenvolvemento e o uso de software en computadores para fins xerais, pero, no caso de que isto suceda, desexamos evitar o risco especial de que as patentes que se lle apliquen a un programa libre efectivamente outorguen tal exclusividade. Para logralo, a GPL garante a imposibilidade do uso das patentes para apropiarse dun programa e restrinxir devandita liberdade.

A continuación, inclúense os termos e condicións particulares para a reprodución, distribución e modificación do código.

Termos e condicións

0. Definicións

Por «licenza» enténdese a versión 3 da licenza pública xeral de GNU.

O termo «dereitos de autoría» tamén se estende ás leis que protexen estes dereitos para outros tipos de obras, tales como deseños de circuítos integrados sobre placas semicondutoras.

Por «programa» enténdese calquera obra incluída nesta licenza sobre a que se poidan exercer dereitos de autoría. Para referirnos a cada persoa licenciataria, utilizamos o termo «vostede». As «persoas licenciatarias» ou «destinatarias» poden ser persoas ou organizacións.

Por «modificar unha obra» enténdese o proceso de copiar ou adaptar unha obra en forma parcial ou total dun modo que requira autorización segundo os dereitos de autor e que non sexa a reprodución dunha copia exacta. A obra resultante é unha versión modificada da obra anterior ou unha obra baseada na a obra anterior.

Por «obra cuberta» enténdese o programa sen modificacións ou unha obra baseada no programa.

Por «propagar unha obra» enténdese calquera acción sobre ela que, no caso de non ter autorización, puidese implicar responsabilidade, xa for de forma directa ou indirecta, de infrinxir as leis de dereitos de autoría aplicábeis, salvo que tal acción se realice nun computador ou se modifique unha copia privada. A propagación inclúe a reprodución, distribución (con ou sen modificacións), divulgación e, nalgúns países, outras actividades tamén.

Por «transmitir unha obra» enténdese calquera tipo de propagación que lle permita a unha terceira persoa ou entidade facer ou recibir copias. A mera interacción cunha persoa usuaria a través dunha rede informática, cando non se transfira unha copia, non se considera unha transmisión.

Unha interface interactiva mostra «avisos legais apropiados» na medida en que, dun modo práctico e ben visíbel, (1) mostre un aviso de copyright apropiado e (2) informe a persoa usuaria de que non se ofrecen garantías pola obra (salvante que efectivamente se ofrezan garantías) e que as persoas licenzatarias poden transmitir a obra conforme as disposicións desta licenza, ademais de mostrar a forma en que se pode consultar unha copia desta licenza. Se a interface presenta unha lista de comandos da persoa usuaria ou opcións, tales como un menú, a lista debe incluír un ítem visíbel que cumpra con este criterio.

1. Código fonte

O «código fonte» dunha obra é o formato preferido da obra para realizar modificacións nela. Por «código obxecto» enténdese calquera formato dunha obra que non sexa código fonte.

Unha «interface estándar» é unha interface que pode ser unha norma oficial, segundo o defina un organismo de normas recoñecido, ou ben, no caso de interfaces específicas para unha linguaxe de programación particular, unha interface de uso xeneralizado entre as persoas desenvolvedoras que traballan con esa linguaxe.

As «bibliotecas de sistema» dunha obra executábel comprenden calquera cousa, non sendo a obra na súa totalidade, que (a) inclúa na forma normal de empaquetado do compoñente principal, pero que non sexa por si mesma o compoñente principal, e (b) sirva unicamente para permitir o uso da obra con tal compoñente principal ou para implementar unha interface estándar para a cal exista a disposición do público unha implantación en forma de código fonte. Un «compoñente principal», neste contexto, é un compoñente fundamental (núcleo, sistema de xanelas, etc.) do sistema operativo específico (se houber) no que funcione a obra executábel, ou un compilador utilizado para producir a obra, ou un intérprete de código obxecto utilizado para executalo.

A «fonte correspondente» para unha obra en código obxecto refírese a todo o código fonte necesario para xerar, instalar e (para unha obra executábel) executar o código obxecto e modificar a obra, incluídas as secuencias de ordes para controlar esas actividades. Con todo, non inclúe as bibliotecas de sistema da obra, así como tampouco ferramentas de aplicación xeral ou programas libres xeralmente dispoñíbeis que se utilicen sen modificacións para realizar esas actividades pero que non formen parte da obra. Por exemplo, a fonte correspondente inclúe os arquivos de definición de interface asociados aos arquivos fonte para a obra, así como o código fonte para as bibliotecas compartidas e os subprogramas vinculados de forma dinámica requiridos especificamente conforme ao seu deseño, por exemplo, mediante a comunicación de datos intrínseca ou o control de fluxo entre eses subprogramas e outras partes da obra.

A fonte correspondente non necesita incluír nada que as persoas usuarias poidan rexenerar automaticamente doutras partes da fonte correspondente.

A fonte correspondente para unha obra en código fonte é esa mesma obra.

2. Permisos básicos

Todos os dereitos que se outorgan conforme a esta licenza outórganse coa protección dos dereitos de autoría que ampara o programa e son irrevogábeis cando se cumpran as condicións estabelecidas. Esta licenza autoriza en forma expresa e ilimitada a executar o programa sen modificacións. O produto obtido a partir da execución dunha obra amparada está cuberto por esta licenza unicamente se o produto, dado o seu contido, constitúe unha obra amparada. Esta licenza recoñece os seus dereitos de uso razoábel e outros equivalentes, conforme as leis de dereitos de autoría.

Vostede pode crear, executar e propagar obras amparadas que non transmita, sen condicións na medida en que a súa licenza siga vixente en calquera sentido. Vostede pode transmitir obras amparadas a terceiras persoas co único fin de que estes realicen modificacións exclusivamente para vostede, ou que lle proporcionen os medios para executar esas obras, con tal de que vostede cumpra cos termos desta licenza no que respecta á transmisión de calquera material que exceda o seu control dos dereitos de autoría. Quen desta maneira crearen ou executaren as obras amparadas para vostede deben facelo exclusivamente no seu nome, baixo a súa dirección e control e sobre a base de termos que lles prohiban facer copias do seu material protexido por dereitos de autoría fóra da relación que manteñen con vostede.

A transmisión baixo calquera outra circunstancia permítese unicamente conforme ás condicións que se describen a continuación. Prohíbese sublicenciar; a sección 10 fai que sexa innecesario.

3. Protección dos dereitos legais das persoas usuarias fronte á Lei antievasión

Ningunha obra amparada se considerará parte dunha medida tecnolóxica efectiva conforme a calquera lei aplicábel que cumpra as obrigas do artigo 11 do Tratado da OMPI sobre Dereito de Autor adoptado o 20 de decembro de 1996 ou a leis similares que prohiban ou restrinxan a evasión de devanditas medidas.

Cando vostede transmite unha obra amparada, renuncia a calquera facultade legal de prohibir a evasión de medidas tecnolóxicas na medida en que a evasión se realice ao facer uso dos dereitos que se outorgan conforme a esta licenza con respecto á obra amparada, e nega calquera intención de restrinxir o uso ou a modificación da obra como unha forma de facer valer, en contra das persoas usuarias da obra, os seus dereitos legais ou os dereitos legais de terceiras partes para prohibir a evasión de medidas tecnolóxicas.

4. Transmisión de copias literais

Vostede pode transmitir copias literais do código fonte do programa tal cal o reciba, por calquera medio, coa condición de que publique dun modo visíbel e adecuado un aviso de copyright apropiado en cada copia; manteña intactos todos os avisos que estabelecen que esta licenza e calquera termo non-permisivo que se agregue conforme á sección 7 se lle aplican ao código; manteña intactos todos os avisos mediante os cales se nega calquera tipo de garantía; e lles proporcione a todas as persoas destinatarias unha copia desta licenza xunto co programa.

Vostede pode cobrar o prezo que vostede desexe ou non cobrar nada por cada copia que transmita, e pode ofrecer mantemento ou protección de garantía a cambio dunha tarifa.

5. Transmisión de versións modificadas do código fonte

Vostede pode transmitir unha obra baseada no programa, ou as modificacións para producilo a partir do programa, en forma de código fonte conforme os termos da sección 4, coa condición de que tamén cumpra con todas as condicións que se inclúen a continuación:

a) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que a modificou e que inclúa a data correspondente.
b) A obra debe conservar avisos visíbeis que estabelezan que se realiza conforme a esta licenza e a todas as condicións que se agreguen baixo a sección 7. Este requirimento modifica o requirimento da sección 4 que estabelece que se deben manter intactos todos os avisos.
c) Debe outorgar unha licenza pola obra completa, en forma íntegra, conforme a esta licenza, a calquera terceira persoa que adquirir unha copia. Por tanto, esta licenza, xunto con calquera termo adicional aplicábel da sección 7, aplícaselle á obra na súa totalidade e a todas as súas partes, independentemente do modo en que se empaqueten. Esta licenza non autoriza para outorgar licenzas para a obra de ningún outro modo, pero non invalida esa autorización se vostede a recibiu por separado.
d) Se a obra tivese interfaces de usuario ou usuaria interactivas, cada unha delas deberá mostrar os avisos legais apropiados. No entanto, se o programa tivese interfaces interactivas que non mostraren avisos legais apropiados, non necesita incluílos.

Denomínase «conxunto» á compilación dunha obra cuberta con outras obras diferentes e independentes que pola súa natureza non sexan extensións da obra cuberta nin se combinen con ela para formar un programa máis grande nun volume dun medio de distribución ou almacenamento, se a compilación e o dereito de autor consecuente non se utilizan para restrinxir o acceso ou os dereitos legais das persoas usuarias da compilación alén do que permitan as obras individuais. A inclusión dunha obra incluída nun conxunto non implica que esta licenza se lle aplique ás outras partes do conxunto.

6. Transmisión de códigos que non son códigos fonte

Vostede pode transmitir unha obra cuberta en código obxecto conforme os termos das seccións 4 e 5, a condición de que tamén transmita a fonte correspondente lexíbel por máquinas conforme os termos desta licenza, dalgunha das seguintes maneiras:

a) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución) ou incorporado a este, acompañado da fonte correspondente nun medio físico duradeiro habitual para o intercambio de software.
b) Transmisión do código obxecto dentro dun produto físico (incluídos medios físicos de distribución) ou incorporado a este, acompañado dunha oferta escrita, que sexa válida por un prazo mínimo de tres anos e polo tempo que vostede ofreza repostos ou servizo técnico para ese modelo do produto, para proporcionarlle a calquera persoa que posúa o código obxecto (1) unha copia da fonte correspondente para todo o software do produto que estea cuberto por esta licenza, nun medio físico duradeiro habitual para o intercambio de software, a cambio dun prezo que non exceda o custo razoábel da acción física de transmitir esta fonte, ou (2) acceso á copia da fonte correspondente desde un servidor de rede sen custo ningún.
c) Transmisión de copias individuais do código obxecto xunto cunha copia da oferta escrita para proporcionar a fonte correspondente. Esta opción permítese unicamente en ocasións e para fins non comerciais, e só na medida en que vostede reciba o código obxecto cunha oferta desta natureza, conforme á subsección 6b.
d) Transmisión do código obxecto ofrecendo acceso desde un lugar determinado (en forma gratuíta ou onerosa) e ofrecendo un acceso equivalente á fonte correspondente do mesmo xeito e desde o mesmo lugar sen custo adicional. Non é necesario que lles esixa ás persoas destinatarias que copien a fonte correspondente xunto co código obxecto. Se o lugar ofrecido para copiar o código obxecto fose un servidor de rede, a fonte correspondente poderá estar nun servidor diferente (operado por vostede ou por unha terceira persoa) que ofreza posibilidades de reprodución equivalentes, coa condición de que se inclúan, xunto co código obxecto, instrucións claras para atopar a fonte correspondente. Independentemente de que servidor aloxa a fonte correspondente, vostede mantén a obriga de se asegurar de que estea dispoñíbel polo tempo que sexa necesario para satisfacer estes requirimentos.
e) Transmisión do código obxecto mediante transferencia entre persoas usuarias, coa condición de que se lles informe da situación do código obxecto e a fonte correspondente da obra para o público en xeral sen custo ningún conforme á subsección 6d.

Non se precisa incluír unha parte separábel do código obxecto, de código fonte excluído da fonte correspondente como unha biblioteca de sistemas, para transmitir o código obxecto da obra.

Por «produto de persoa usuaria» enténdese (1) un produto de consumo, que é calquera ben persoal tanxíbel que se utilice habitualmente para fins persoais, familiares ou domésticos, ou (2) calquera cousa que se deseñe ou comercialice para a súa incorporación nunha vivenda. Ao determinar se un produto é un produto de consumo, os casos dubidosos deberán resolverse a prol da cobertura. Para un produto específico que recibe unha persoa usuaria particular, un uso habitual é o uso común ou típico que se lle adoita dar a ese tipo de produto, independentemente da condición da persoa usuaria particular ou da forma en que a persoa usuaria particular utilice o produto ou das expectativas propias ou doutras persoas respecto do uso do produto. Un produto considérase un produto de consumo independentemente de que que se lle poida dar usos substanciais de índole comercial, industrial ou alleos ao consumo, non sendo que eses usos representen o único modo significativo de utilizar o produto.

Por «información de instalación» dun produto de persoa usuaria enténdese calquera método, procedemento, clave de autorización ou outro tipo de información requirida para instalar e executar versións modificadas dunha obra cuberta en tal produto de persoa usuaria a partir dunha versión modificada da súa fonte correspondente. A información debe ser suficiente para garantir que o funcionamento continuo do código obxecto modificado non se vexa afectado ou imposibilitado só polo feito de se ter realizado a modificación.

No caso de que vostede transmita o código obxecto dunha obra conforme a esta sección nun produto de persoa usuaria, xunto co produto da persoa usuaria ou especificamente para o seu uso nun produto de persoa usuaria, e a transmisión se produza como parte dunha transacción mediante a cal os dereitos de posesión e uso deste produto de persoa usuaria se lle transfiran á persoa destinataria por un prazo limitado ou ilimitado independentemente das particularidades da transacción), a fonte correspondente transmitida conforme a esta sección deberá ir acompañada da información de instalación. Con todo, este requirimento non se lle aplicará no caso de que nin vostede nin unha terceira persoa conserven a capacidade para instalar o código obxecto modificado no produto de persoa usuaria (por exemplo, que a obra se instalase en memoria ROM).

O requirimento de proporcionar información de instalación non implica a necesidade de seguir provendo servizo técnico, garantías ou actualizacións para unha obra que sexa modificada ou instalada pola persoa destinataria ou para o produto de persoa usuaria no cal a modificou ou instalou. Poderá negarse o acceso a unha rede cando a modificación en si mesma poida afectar dun modo adverso e substancial o funcionamento da rede ou infrinxa as normas e os protocolos de comunicación a través da rede.

A fonte correspondente que se transmita e a información de instalación que se proporcione conforme a esta sección deberán presentarse nun formato sobre o cal exista documentación pública (e cunha implantación dispoñíbel para o público en código fonte) e non deberán requirir ningunha clave ou contrasinal especial para o seu desempaquetado, lectura ou reprodución.

7. Termos adicionais

Os «permisos adicionais» son termos que complementan os termos desta licenza ao permitir excepcións a unha ou máis condicións. Os permisos adicionais que se lle aplican ao programa na súa totalidade deberán tratarse coma se formasen parte desta licenza, na medida en que sexan válidos conforme as leis aplicábeis. No caso de que os permisos adicionais se apliquen unicamente a unha parte do programa, esta parte poderá utilizarse por separado conforme a eses permisos, pero o programa na súa totalidade seguirá rexéndose de acordo con esta licenza independentemente dos permisos adicionais.

Cando vostede transmita unha copia dunha obra cuberta, poderá optar por eliminar calquera permiso adicional da copia ou de calquera parte dela (en certos casos, cando modifique a obra, poderán estabelecerse permisos adicionais para requirir a súa eliminación). Ten autorización para incluír permisos adicionais nun material que vostede agregue a unha obra cuberta e sobre o cal vostede posúa ou poida outorgar permisos de autor apropiados.

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, respecto do material que vostede agregue a unha obra cuberta, vostede poderá (na medida en que o autoricen as persoas titulares dos dereitos de copyright do dito material) complementar os termos desta licenza cos seguintes termos:

a) Ausencia de garantías ou limitación da responsabilidade alén dos termos das seccións 15] e [[GPL#toc19|16 desta licenza; ou
b) Obriga de conservación de atribucións de autoría ou avisos legais razoábeis específicos no dito material ou nos avisos legais apropiados que se mostren nas obras que o conteñan; ou
c) Prohibición de terxiversación da orixe do material, ou requirimento de que nas versións modificadas deste material se indique dun modo razoábel que son diferentes da versión orixinal; ou
d) Limitación do uso dos nomes das persoas licenciadoras ou autoras do material para fins publicitarios; ou
e) Negativa respecto do outorgamento de dereitos conforme as leis de marcas para o uso de certos nomes comerciais, marcas de produtos ou marcas de servizos; ou
f) Requirimento de indemnización das persoas licenciadoras ou autoras do material por parte de calquera persoa que transmita o material (ou versións del modificadas) baixo presuncións contractuais de responsabilidade das e dos destinatarios por calquera responsabilidade que esas presuncións contractuais impoñan directamente sobre as e os licenciadores e sobre os autores ou autoras do material.

Calquera outro termo adicional non permisivo considerarase unha «restrición adicional» no contexto da sección 10. No caso de que o programa, tal cal vostede o recibiu, ou calquera parte del conteña un aviso que indique que se rexe segundo esta licenza xunto cun termo que constitúa unha restrición adicional, poderá eliminar o termo. No caso de que un documento de licenza conteña unha restrición adicional pero permita a extensión da licenza ou a transmisión do programa conforme a esta licenza, vostede poderalle agregar á obra cuberta calquera material conforme os termos dese documento de licenza, coa condición de que a restrición adicional non se manteña tras a extensión da licenza ou a transmisión do programa.

No caso de que vostede agregue termos a unha obra cuberta conforme a esta sección, deberá incluír nos arquivos fonte correspondentes unha declaración dos termos adicionais que se lle aplican aos arquivos ou un aviso que indique a localización dos termos aplicábeis.

Poderanse estabelecer termos adicionais, sexan estes permisivos ou non permisivos, nunha licenza escrita independente, ou a modo de excepcións; sexa como for, aplicaranse os requirimentos mencionados anteriormente.

8. Anulación

Vostede non está autorizado para propagar ou modificar unha obra cuberta de ningún outro modo que non se estipule nesta licenza. Calquera intento non autorizado por propagala ou modificala considerarase nulo e levará a anulación automática dos dereitos que lle outorgou esta licenza (incluída calquera licenza de patente outorgada conforme o parágrafo terceiro da sección 11).

No entanto, no caso de que deixe de violar as cláusulas desta licenza, unha persoa titular de dereitos de autoría particular poderá restituírlle a licenza (a) de forma provisoria, até tanto tal titular dea por finalizada a súa licenza de forma expresa e definitiva, e (b) de forma permanente, se esa persoa titular non notifica a infracción por algún medio razoábel antes dos 60 días posteriores á anulación.

Así tamén, a licenza que lle outorgue unha persoa titular de dereitos de autoría particular restituiráselle de forma permanente se a persoa titular lle notificar a infracción por algún medio razoábel, esta for a primeira vez que vostede recibise unha notificación de violación desta licenza (por calquera obra) emitida por esa persoa titular, e vostede emendase a infracción nun prazo de 30 días a partir da recepción da notificación.

A extinción dos seus dereitos conforme a esta sección non anula as licenzas daquelas terceiras persoas ás que vostede lles outorgou copias ou dereitos conforme esta licenza. No caso de que os seus dereitos se anulen e non se lle restitúan de forma permanente, vostede non estará capacitado para recibir novas licenzas para o mesmo material conforme á sección 10.

9. Aceptación innecesaria para a posesión de copias

Vostede non ten a obriga de aceptar esta licenza para poder recibir ou executar unha copia do programa. De modo similar, a propagación secundaria dunha obra amparada que se produza unicamente como consecuencia dunha transferencia entre persoas usuarias co fin de recibir unha copia tampouco require aceptación. No entanto, esta licenza é o único que o autoriza a propagar ou modificar calquera obra cuberta. No caso de que vostede non acepte esta licenza, os actos anteriores representarán unha violación das leis de dereito de autor. Por tanto, ao modificar ou propagar unha obra cuberta, vostede expresa a súa aceptación desta licenza para facelo.

10. Traspaso automático de licenza a destinatarios ou destinatarias subseguintes

Cada vez que vostede transmite unha obra cuberta, o destinatario ou destinataria recibe automaticamente das persoas licenciadoras orixinais unha licenza para executar, modificar e propagar a obra conforme esta licenza. Vostede non é responsábel de asegurar o cumprimento desta licenza por parte de terceiras persoas.

Unha «transacción entre entidades» é unha transacción mediante a cal se lle transfire o control dunha organización ou de todo o patrimonio dunha organización, se subdivide unha organización ou se fusionan dúas ou máis organizacións. No caso de que a propagación dunha obra cuberta se deba a unha transacción entre entidades, cada parte da transacción que reciba unha copia da obra tamén recibirá todas as licenzas para a obra que o predecesor ou predecesora da parte tiver ou puider outorgar conforme o parágrafo anterior, máis o dereito de recibir do seu predecesor ou predecesora a fonte correspondente da obra, se o predecesor ou predecesora a ten no seu poder ou pode obtela con esforzos razoábeis.

Vostede non pode impor restricións adicionais para o exercicio dos dereitos que se outorgan ou consolidan conforme esta licenza. Por exemplo, vostede non pode impor taxas, dereitos de autoría ou outros cargos a cambio do exercicio dos dereitos que se outorgan conforme esta licenza, así como tampouco pode iniciar accións legais (incluídas demandas e contestacións a demandas nun proceso legal) sobre a base dunha infracción de patentes por crear, usar, comercializar, ofrecer para a venda ou importar o programa ou calquera parte del.

11. Patentes

Un «colaborador ou colaboradora» é unha persoa ou entidade titular de dereitos de autoría que autoriza o uso conforme esta licenza do programa ou dunha obra sobre a cal se basee o programa. A obra con licenza outorgada desta maneira denomínase «versión en colaboración» do colaborador ou colaboradora.

Os «dereitos de patente fundamentais» dun colaborador ou colaboradora son todos os dereitos de patente baixo a titularidade ou o control da persoa colaboradora, xa sexa porque os adquiriu tras o outorgamento desta licenza ou a partir dela, que poidan infrinxirse dalgún modo permitido por esta licenza para crear, usar ou vender a súa versión en colaboración, pero non inclúen dereitos que se poderían infrinxir unicamente como consecuencia de modificacións posteriores á versión en colaboración. Para os efectos desta definición, o «control» inclúe o dereito de outorgar sublicenzas de patente dun modo consonte cos requirimentos desta licenza.

Cada colaborador ou colaboradora outórgalle a vostede unha licenza de patente internacional non exclusiva libre de dereitos de autoría conforme os dereitos de patente fundamentais da ou do colaborador para crear, usar, comercializar, ofrecer á venda, importar e executar, modificar e propagar dalgún outro modo o contido da súa versión en colaboración.

Nos tres parágrafos que se inclúen a continuación, unha «licenza de patente» é calquera contrato ou acordo expreso, independentemente da súa denominación, mediante o cal se conveña non exercer dereitos de patente (como, por exemplo, unha autorización expresa para facer uso dunha patente ou unha cláusula que estabeleza que non se iniciarán accións legais por infrinxir os dereitos de patente). Por «outorgar» unha licenza de patente desta natureza a outra parte enténdese o acto de celebrar un contrato ou acordo mediante o cal se convén non exercer dereitos de patente en contra da dita parte.

No caso de que vostede transmita unha obra amparada, sabendo que está suxeita a unha licenza de patente, e a fonte correspondente da obra non estiver dispoñíbel para a súa reprodución, en forma gratuíta e conforme os termos desta licenza, a través dun servidor de rede de acceso público ou outro medio igualmente accesíbel, vostede deberá (1) poñer a fonte correspondente a disposición do destinatario ou destinataria subseguinte, (2) renunciar ao beneficio da licenza de patente para esta obra en particular, ou ben (3) tomar as medidas necesarias para estender a licenza de patente aos destinatarios e destinatarias subseguintes dun modo acorde cos requirimentos desta licenza. O termo «sabendo que está suxeita a unha licenza de patente» significa que vostede efectivamente sabe que, de non ser pola licenza de patente, a transmisión da obra cuberta nun país ou o uso que puider darlle as persoas destinatarias á obra amparada nun país infrinxirían unha ou máis patentes identificábeis no dito país que vostede considera válidas por diversas razóns.

No caso de que, en relación cunha transacción ou contrato individual, vostede transmitise unha obra amparada ou a difundise conseguindo a súa transmisión e outorgase a algunhas das partes que reciban a obra amparada unha licenza de patente que as autorizase a usar, difundir, modificar ou transmitir unha copia específica da obra cuberta, a licenza de patente que vostede outorgue estenderase automaticamente a todos os destinatarios e destinatarias da obra cuberta e ás obras que se baseen nela.

Unha licenza de patente considérase «discriminatoria» cando non inclúe dentro do seu ámbito de amparo un ou máis dos dereitos que se outorgan especificamente conforme a esta licenza, prohibe o uso de devanditos dereitos ou se outorga como condición de que non se usen os ditos dereitos. Vostede non debe transmitir unha obra cuberta se fose unha das partes dun acordo con outra entidade ou persoa que se dedicase á distribución de software, conforme ao cal vostede debese pagarlle á outra entidade ou persoa pola actividade que vostede realice con respecto á transmisión da obra e esa entidade ou persoa outorgase a calquera das partes que reciban de vostede a obra cuberta unha licenza de patente discriminatoria (a) en relación coas copias da obra cuberta transmitidas por vostede (ou as copias que se fagan desas copias), ou (b) principalmente para compilacións ou produtos específicos que conteñan a obra cuberta e en relación con estes, a menos que vostede celebrase o contrato ou que a patente se outorgase antes do 28 de marzo de 2007.

Ningunha disposición desta licenza deberá interpretarse como excluínte ou limitativa de ningunha licenza implícita ou outras defensas legais contra infraccións ás que, doutro xeito, vostede puidese ter dereito conforme á lei de propiedade intelectual vixente.

12. Protección da liberdade de terceiras partes

No caso de que lle fosen impostas condicións (xa sexa por unha orde xudicial, un contrato ou dalgún outro modo) que contradixesen as condicións desta licenza, vostede non quedará eximido de cumprir as condicións desta licenza. No caso de que non poida transmitir unha obra cuberta dun modo que lle permita cumprir simultaneamente coas obrigas estabelecidas por esta licenza e calquera outra obriga pertinente, non poderá transmitila de ningún modo. Por exemplo, no caso de que vostede acepte termos que o obriguen a cobrar dereitos de autoría por redistribución a daqueles aos que vostede transmita o programa, a única forma de satisfacer tanto estes requirimentos como esta licenza será absterse de transmitir o programa.

13. Uso conxunto coa licenza pública xeral Affero de GNU

Independentemente de calquera outra disposición desta licenza, vostede ten permiso para vincular ou combinar calquera obra cuberta cunha obra con licenza outorgada conforme á versión 3 da licenza pública xeral Affero nunha única obra combinada e transmitir a obra resultante. Os termos desta licenza seguirán aplicándoselle á parte que corresponda á obra cuberta, pero os requirimentos especiais da sección 13 da licenza Affero sobre a interacción a través dunha rede aplicaránselle á combinación como tal.

14. Revisións desta licenza

A Fundación para o Software Libre poderá publicar revisións e/ou versións novas da licenza pública xeral de GNU de cando en vez. Tales versións serán de natureza semellante á versión actual, pero poderán diferir canto aos detalles para afrontar novos problemas ou cuestións.

Cada versión recibirá un número de versión que a distinga. No caso de que o programa especifique que se rexe por unha versión determinada da licenza pública xeral de GNU ou calquera versión posterior [«or any later version»], vostede poderá optar por adoptar os termos e condicións desta versión específica ou de calquera versión posterior que publique a Fundación para o Software Libre. No caso de que o programa non especifique un número de versión da licenza pública xeral de GNU, vostede poderá rexerse por calquera versión que publique a Fundación para o Software Libre.

Se o programa especifica que un apoderado ou apoderada pode decidir que versións da licenza pública xeral de GNU poden aplicarse no futuro, a declaración pública do apoderado ou apoderada sobre a aceptación dunha versión determinada autorizarao a vostede, de forma permanente, a optar por tal versión para o programa.

Poida que as versións posteriores da licenza se lle outorguen permisos adicionais ou diferentes. No entanto, non se lles imporán obrigas adicionais a ningunha persoa autora ou titular de dereitos de copyright como resultado da adopción da versión posterior que vostede elixa.

15. Carencia de garantías

O PROGRAMA OFRÉCESE SEN NINGÚN TIPO DE GARANTÍAS, NA MEDIDA EN QUE O PERMITAN AS LEIS APLICÁBEIS. SALVANTE DISPOSICIÓN CONTRARIA POR ESCRITO, OS OU AS TITULARES DE DEREITOS DE AUTORÍA E/OU OUTRAS PARTES PROVÉN O PROGRAMA «COMO VEN», SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO EXPRESAS OU IMPLÍCITAS, INCLUÍDAS, AÍNDA QUE NON DE FORMA TAXATIVA, AS GARANTÍAS IMPLÍCITAS DE VALOR COMERCIAL E APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO. VOSTEDE ASUME TODOS OS RISCOS CON RESPECTO Á CALIDADE E O DESEMPEÑO DO PROGRAMA. NO CASO DE QUE O PROGRAMA TIVESE DEFECTOS, VOSTEDE ASUME O CUSTO DE TODAS AS ACTIVIDADES DE MANTEMENTO, REPARACIÓN OU CORRECCIÓN.

16. Limitación da responsabilidade

EN NINGÚN CASO, SALVO QUE ASÍ O DISPOÑAN AS LEIS APLICABLES OU UN CONTRATO POR ESCRITO, UNHA PERSOA TITULAR DE DEREITOS DE AUTORÍA OU UNHA TERCEIRA PARTE QUE MODIFIQUE E/OU TRANSMITA O PROGRAMA SEGUNDO SE AUTORIZA ANTERIORMENTE SERÁ RESPONSÁBEL PERANTE VOSTEDE DE CALQUERA DANO, INCLUÍDOS OS DANOS XERAIS, ESPECIAIS, FORTUÍTOS OU DERIVADOS, QUE POIDAN XURDIR DO USO OU A INCAPACIDADE DE USO DO PROGRAMA (INCLUÍDOS, AÍNDA QUE NON EXCLUSIVAMENTE, A PERDA DE INFORMACIÓN, A SUBMINISTRACIÓN DE INFORMACIÓN IMPRECISA OU AS PERDAS QUE POIDAN SUFRIR VOSTEDE OU TERCEIRAS PARTES OU A INCAPACIDADE DO PROGRAMA PARA INTERACTUAR CON OUTROS PROGRAMAS), AÍNDA CANDO ESTE OU ESTA TITULAR OU TERCEIRA PARTE FOSE ADVERTIDA DA POSIBILIDADE DE TALES DANOS.

17. Interpretación das seccións 15 e 16

No caso de que as cláusulas de ausencia de garantías e limitación da responsabilidade anteriores carecesen de validez legal a nivel local conforme os seus termos, os xulgados deberán aplicar as leis locais que máis se asimilen a unha exención absoluta de calquera responsabilidade civil en relación co programa, salvo que unha copia do programa estea acompañada dunha garantía ou presunción de responsabilidade a cambio dunha taxa.

FIN DE TERMOS E CONDICIÓNS

LICENCIA PÚBLICA XERAL DE GNU VERSIÓN 2

Versión 2 (xuño de 1991)

Copyright © 1989, 1991 Free Software Foundation, Inc., 51 Franklin Street, Fifth Floor, Boston, MA 02110-1301 USA

Permítese a copia e distribución de copias textuais desta licenza, sempre que non se introduza ningunha modificación.

Preámbulo

A maioría das licenzas de software están concibidas para privar o usuario da súa liberdade de compartir e modificar ese código. Pola contra, a licenza pública xeral de GNU busca garantir a súa liberdade para compartir e modificar os programas libres, para se asegurar de que o código é libre para todos os seus usuarios. Esta licenza pública xeral é de aplicación á maioría dos programas da Free Software Foundation, así como a calquera outro programa cuxos autores se comprometan a utilizala (hai outro software da Free Software Foundation que se rexe, no seu lugar, pola licenza pública xeral reducida de GNU). Tamén pode aplicala aos seus propios programas.

Cando se fala de código libre fálase de liberdade, non de simple acceso. As nosas licenzas públicas xerais están deseñadas co obxectivo de asegurar a súa liberdade para distribuír copias de programas libres (e cobrar por este servizo, se así o desexa), para recibir o código fonte se así o desexa, para ter a posibilidade de modificar o código ou empregar partes del en novos programas libres e que, ademais, sexa consciente de que pode facer todo isto.

Para protexer os seus dereitos, cómpre introducir certas restricións que impidan que calquera outro lle poida negar estes dereitos ou pedirlle que renuncie a eles. Estas restricións implican determinadas responsabilidades para vostede, no caso de distribuír copias ou modificar o programa.

Por exemplo, se distribúe copias dun programa libre, sexa gratis ou non, tenlle que ceder aos receptores todos os dereitos que ten vostede. Terase que asegurar de que eses receptores tamén reciben ou poden recibir o código fonte e terá que mostrarlles os termos desta licenza para informalos dos seus dereitos.

Para protexer os seus dereitos facemos o seguinte: (1) poñendo o programa baixo os dereitos de autoría e (2) ofrecémoslle esta licenza, que o autoriza legalmente para copiar, distribuír e/ou modificar o programa.

Ademais, como medida de protección para todos os autores e para nós mesmos, é importante deixarlles claro a todas as partes que non existe garantía para este programa libre. No caso de que calquera usuario modifique o programa e logo o distribúa a terceiros, os receptores deben saber que o que se lles entrega non é o programa orixinal, de xeito que calquera problema introducido pola outra parte non afecte a reputación dos autores orixinais.

Por último, calquera programa libre está constantemente ameazado polas patentes de software. A nosa intención é evitar o perigo de que os distribuidores secundarios dun programa libre obteñan licenzas de patente pola súa conta, restrinxindo así o seu programa. Para evitar que isto suceda, deixamos ben claro que calquera patente debe de garantir a cesión da licenza a calquera usuario posible, de xeito que todo o mundo poida usar o programa libremente ou, en caso contrario, non debe de garantir licenza ningunha a ninguén.

A seguir detállanse os termos e condicións exactos para a copia, distribución e modificación.

TERMOS E CONDICIÓNS PARA A COPIA, DISTRIBUCIÓN E MODIFICACIÓN

0. Esta licenza é aplicable a calquera programa ou produto doutro tipo no que figure un aviso inserido polo titular dos dereitos de autoría que especifique que se pode distribuír baixo os termos desta licenza pública xeral. De aquí en adiante, o termo «Programa» referirase a calquera programa ou produto deste tipo, mentres que o termo «produto baseado no Programa» referirase tanto ao programa coma a calquera produto derivado consonte a lei de propiedade intelectual; é dicir, calquera produto que conteña o programa ou unha parte del, sexa textual ou con modificacións e/ou traducida a outra lingua. (De aquí en adiante, a tradución inclúese sen límite ningún no termo «modificación»). As licenzas están redactadas na forma de cortesía «vostede».

Calquera actividade distinta da copia, distribución e modificación non está cuberta por esta licenza, senón que queda fóra do seu ámbito de aplicación. Non se restrinxe a acción de executar o Programa, e os resultados tirados do Programa só están cubertos se o seu contido constitúe un produto baseado no Programa (sen importar se foi realizado mediante a execución do Programa). Que isto sexa certo ou non dependerá do que faga o Programa.

1. Pode copiar e distribuír copias textuais do código fonte do Programa tal e como o recibe, en calquera medio, sempre que inclúa en cada copia, de forma axeitada e suficientemente visible, as indicacións necesarias relativas á propiedade intelectual e á renuncia á concesión de garantía, que manteña intactos todos os avisos referentes a esta licenza e á ausencia de toda garantía e que lles entregue a todos os demais receptores do Programa unha copia desta licenza xunto co Programa.

Pode cobrar unha taxa polo acto físico de transferir unha copia e, se vostede quixer, pode tamén ofrecer unha determinada garantía a cambio do pagamento dunha taxa.

2. Pode modificar a súa copia ou copias do Programa, ou calquera parte del, e obter así un produto baseado no Programa, así como copiar e distribuír as devanditas modificacións ou produto de acordo cos termos do apartado 1 anterior, sempre que cumpra tamén con todas as condicións seguintes:

a) Debe facer que calquera ficheiro modificado inclúa indicacións ben visibles nas que se especifique que o correspondente ficheiro foi modificado, así como a data de calquera modificación.
b) Debe facer que calquera produto distribuído ou publicado por vostede, que en todo ou en parte conteña ou derive do Programa ou de calquera parte do Programa, obteña unha licenza no seu conxunto sen que isto repercuta en ningún gasto para calquera terceira parte de acordo cos termos desta licenza.
c) Se o programa modificado adoita ler ordes de forma interactiva ao executalo debe facer que, cando se execute para tal uso interactivo na forma máis habitual, mostre ou exhiba un aviso no que se inclúan as oportunas informacións relativas á propiedade intelectual do programa e á ausencia de toda garantía (ou, se for o caso, ao feito de que é vostede quen proporciona a garantía), a indicación de que os usuarios poden redistribuír o programa consonte estas condicións e a información necesaria para que o usuario saiba como acceder a unha copia desta licenza. (Excepción: se o Programa en si mesmo é interactivo pero non adoita mostrar avisos deste tipo, non é necesario que o seu produto baseado no Programa exhiba ningún aviso.)

Estes requisitos aplícanse ao produto modificado no seu conxunto. Se o produto contén seccións facilmente identificables non derivadas do Programa, que razoablemente se poidan considerar como produtos separados e independentes por si mesmos, esta licenza e mais os seus termos non serán aplicables ás devanditas seccións cando se distribúan como produtos separados. Pero se esas mesmas seccións se distribúen como parte dun todo consistente nun produto baseado no Programa, a distribución do todo deberá de se acoller aos termos desta licenza, cuxas disposicións, aplicables a todos os demais titulares da licenza, abranguen o conxunto completo e, en consecuencia, todas e cada unha das partes do conxunto independentemente de quen as escribise.

Así, o obxectivo deste apartado non é reclamar dereitos ou rebater os seus dereitos sobre calquera produto escrito por vostede na súa totalidade; máis ben ao contrario, o seu obxectivo é exercer o dereito de controlar a distribución de produtos derivados ou colectivos baseados no Programa. Ademais, a simple agregación ao Programa (ou a un produto baseado no Programa) doutro produto non baseado no Programa nun volume dun medio de distribución ou almacenamento non implica a inclusión do outro produto no ámbito de aplicación desta licenza.

3. Pode copiar e distribuír o Programa (ou un produto baseado nel, segundo os termos do apartado 2) en código obxecto ou forma executable de acordo co establecido nos apartados 1 e 2 anteriores, sempre que cumpra tamén con un dos seguintes requisitos:

a) Acompañalo do correspondente código fonte completo nun formato lexible por máquina, que se ha de distribuír de acordo co estipulado nos apartados 1 e 2 anteriores nun medio tipicamente utilizado para o intercambio de software.
b) Acompañalo dunha oferta por escrito, cunha validez mínima de tres anos, na que se entregue a calquera terceiro interesado, por un custo nunca superior aos gastos nos que vostede poida incorrer pola execución física da distribución do código fonte, unha copia completa en formato lexible por máquina do código fonte correspondente, que se ha de distribuír de acordo co estipulado nos apartados 1 e 2 anteriores nun soporte tipicamente utilizado para o intercambio de software.
c) Acompañalo da información que recibiu vostede verbo da oferta de distribuír o código fonte correspondente. Esta opción só está permitida para a distribución non-comercial, e unicamente no caso de que vostede recibise o programa en código obxecto ou forma executable cunha oferta como a que se acaba de explicar, de acordo co subapartado b) anterior.

Enténdese por código fonte dun traballo o seu formato máis idóneo á hora de realizar modificacións nel. No caso dun traballo executable, enténdese por código fonte completo todo o código fonte para todos os módulos que inclúe, ademais de todos os ficheiros de definición de interfaces asociados e os scripts utilizados para controlar a compilación e a instalación do executable. Porén, como caso excepcional, o código fonte distribuído non precisa incluír nada que se distribúa normalmente (xa sexa de forma binaria ou fonte) cos compoñentes principais (compilador, núcleo, etc.) do sistema operativo en que se executa o executable, agás que ese propio compoñente acompañe o executable.

Se a distribución do código obxecto ou executable realízase concedendo acceso de copia dende un lugar determinado, entón a concesión de acceso equivalente para copiar o código fonte do mesmo lugar considérase como distribución do código fonte, aínda que ningún terceiro estea obrigado a copiar o código fonte xunto co obxecto.

4. Non lle está permitido copiar, modificar, emitir unha sublicenza nin distribuír o Programa agás nos termos especificamente estipulados nesta licenza. Calquera outro intento de copiar, modificar, emitir unha sublicenza ou distribuír o Programa será considerado nulo, e implicará a cancelación automática dos dereitos que lle concede esta licenza. No entanto, as partes ás que vostede concedera copias ou dereitos consonte os termos desta licenza non verán resoltas as súas respectivas licenzas, sempre que cumpran plenamente con todo o que nelas se estipula.

5. Dado que aínda non a asinou, non está obrigado a aceptar os termos desta licenza. Porén, ela é o único que o autoriza a modificar ou distribuír o Programa ou calquera outro produto derivado del. Estas accións están prohibidas por lei mentres non acepte esta licenza. Xa que logo, mediante a modificación ou distribución do Programa (ou de calquera produto baseado no Programa) vostede expresa a súa aceptación desta licenza para a realización das devanditas accións, así como de todos os termos e condicións estipulados nela para a copia, distribución ou modificación do Programa ou de calquera produto baseado nel.

6. Cada vez que redistribúa o Programa (ou calquera produto baseado no Programa), o receptor recibirá automaticamente unha licenza por parte do emisor da licenza orixinal que lle permitirá copiar, distribuír ou modificar o Programa consonte estes termos e condicións. Vostede non poderá impor ningunha outra restrición sobre o exercicio dos dereitos nela estipulados por parte do receptor. Vostede non é responsable á hora de esixirlle a un terceiro o cumprimento dos termos estipulados nesta licenza.

7. Se, como consecuencia dun proceso xudicial ou dunha acusación por violación de patentes, ou por calquera outra causa (sen restrinxirse aos temas de patentes), resultase a imposición de calquera condición sobre vostede (xa sexa por orde xudicial, por acordo ou por calquera outra causa) que contradiga as condicións desta licenza, iso non o escusa do cumprimento das mesmas. De non lle ser posible distribuír o Programa respectando as obrigas contraídas baixo esta licenza e, asemade, calquera outra obriga pertinente, entón terá que deixar de distribuílo de calquera xeito. Por exemplo, no caso de existir unha licenza de patente que non permitise a redistribución do Programa exenta de dereitos de autor por parte de todos aqueles que recibisen copias de maneira directa ou indirecta de vostede, o único xeito de cumprir cos termos da devandita licenza de patente e mais desta licenza ao mesmo tempo sería evitando por completo a distribución do Programa.

No caso de que calquera sección deste apartado se considerase non válida ou non executable baixo calquera circunstancia concreta será de aplicación o resto do apartado e, en calquera outras circunstancias, aplicarase o apartado no seu conxunto.

O obxectivo deste apartado non é inducilo a infrinxir ningunha reivindicación de patente nin de calquera outro dereito de propiedade intelectual, así como tampouco impugnar a validez deste tipo de reivindicacións. O único que pretende este apartado é protexer a integridade do sistema de distribución do software libre, levado á práctica mediante o desenvolvemento de licenzas públicas.

Moitas persoas contribuíron xenerosamente ao desenvolvemento do amplo abano de software distribuído a través deste sistema, coa confianza de que se aplicará consistentemente. Só o autor/doador pode decidir se está disposto a distribuír o seu programa mediante calquera outro sistema; o titular dunha licenza non pode impor este tipo de elección.

Este apartado pretende deixar ben claro o que considera que é consecuencia do resto desta licenza.

8. No caso de que nalgúns países se restrinxa a distribución e/ou o uso do Programa pola execución dalgunha patente ou interface protexida por dereitos de autoría, o titular orixinal dos dereitos que somete o Programa aos termos desta licenza poderá engadir unha limitación explícita á distribución xeográfica que exclúa aqueles países, de xeito que só se permita a distribución nos ou entre os países non suxeitos á devandita exclusión. Se este for o caso, a licenza incorporaría a limitación citada nos mesmos termos que se fose redactada como parte do corpo desta licenza.

9. A Free Software Foundation poderá publicar versións revisadas ou novas desta licenza pública xeral no momento en que o estime oportuno. As novas versións manterán o mesmo espírito ca a actual, se ben poden diferir nalgúns detalles do contido co obxectivo de facer fronte a novos problemas ou preocupacións.

Cada versión leva un número identificador diferente. Se o Programa especifica que lle é aplicable unha versión específica desta licenza e «calquera versión posterior», vostede poderá escoller entre cinguirse aos termos e condicións ben da primeira versión ou ben de calquera versión posterior publicada pola Free Software Foundation. Se o Programa non especifica ningún número de versión desta licenza, vostede terá a opción de escoller calquera versión de entre todas as publicadas pola Free Software Foundation.

10. Se desexa incluír partes do Programa noutros programas libres cunhas condicións de distribución distintas, deberá de se dirixir ao autor por escrito para lle pedir a súa autorización. No caso dos programas da Free Software Foundation, diríxase por escrito á Fundación, que en ocasións fai excepcións nestes casos. A decisión que tomemos basearase nos nosos dous obxectivos de preservar a liberdade de calquera produto derivado do noso código libre e de promover o compartir e reutilizar o software en xeral.

AUSENCIA DE GARANTÍA

11. DADO QUE SE TRATA DUN PROGRAMA ACOMPAÑADO DUNHA LICENZA GRATUÍTA, DENTRO DOS LÍMITES PERMITIDOS POLA LEXISLACIÓN APLICABLE CONSIDÉRASE UN PROGRAMA EXENTO DE TODA GARANTÍA. AGÁS QUE SE ESPECIFIQUE O CONTRARIO POR ESCRITO, OS TITULARES DOS DEREITOS DE AUTORÍA E/OU OUTRAS PARTES CEDEN O PROGRAMA «COMO VEU», SEN NINGÚN TIPO DE GARANTÍA NIN EXPLÍCITA NIN IMPLÍCITA, INCLUÍDAS, AÍNDA QUE SEN EXCLUSIVIDADE, AS GARANTÍAS IMPLÍCITAS DE COMERCIABILIDADE E IDONEIDADE PARA UN DETERMINADO FIN. A TOTALIDADE DOS RISCOS ASOCIADOS Á CALIDADE E AO RENDEMENTO DO PROGRAMA RECAE SOBRE VOSTEDE. SE O PROGRAMA RESULTASE DEFECTUOSO, VOSTEDE TERÁ QUE ASUMIR OS CUSTOS DE CALQUERA REPARACIÓN, ARRANXO OU EMENDA.

12. EN NINGÚN CASO, AGÁS QUE ASÍ O ESIXA A LEXISLACIÓN APLICABLE OU QUE EXISTA UN ACORDO POR ESCRITO ENTRE AS PARTES, SE LLE ESIXIRÁ RESPONSABILIDADE AO TITULAR DOS DEREITOS DE AUTORÍA, OU A CALQUERA OUTRA PARTE AUTORIZADA PARA MODIFICAR E/OU REDISTRIBUÍR O PROGRAMA CONSONTE OS TERMOS DESCRITOS ANTERIORMENTE, POLOS DANOS E PERDAS OCASIONADOS, INCLUÍDOS OS DANOS XERAIS, ESPECIAIS, INCIDENTAIS OU DE IMPORTANCIA DE CALQUERA TIPO QUE POIDAN DERIVAR DO USO OU DA INCAPACIDADE DE USO DO PROGRAMA (O QUE INCLÚE, AÍNDA QUE SEN RESTRICIÓN, BEN A PERDA DE DATOS, BEN A INTERPRETACIÓN IMPRECISA DE DATOS, BEN AS PERDAS OCASIONADAS A VOSTEDE OU A UN TERCEIRO OU BEN A IMPOSIBILIDADE DE EXECUTAR O PROGRAMA CON CALQUERA OUTRO PROGRAMA), MESMO SE O DEVANDITO TITULAR OU A OUTRA PARTE FOSEN ADVERTIDOS DA POSIBILIDADE DE QUE SE PRODUCISEN OS DANOS DESCRITOS ANTERIORMENTE.

FIN DE TERMOS E CONDICIÓNS

Como aplicar estes termos aos seus programas novos

Se vostede desenvolve un programa novo e desexa que o público lle atope a maior utilidade posíbel, a mellor maneira de logralo é facer deste un programa libre para que todos o poidan redistribuír e modificar conforme a estes termos.

Para facelo, achegue os seguintes avisos ao programa, preferiblemente copiando a versión inglesa. O máis seguro é engadilos ao comezo de cada ficheiro fonte co fin de que se estabeleza dun modo efectivo a exclusión de garantías. Así mesmo, cada ficheiro debería incluír a liña dos dereitos de autoría e unha ligazón á localización do aviso completo:

<nome do programa e breve descrición da súa función>

Copyright (C) <nome do autor>

Este programa é software libre: vostede pode redistribuílo e/ou modificalo conforme os termos da licenza pública xeral de GNU publicada pola Fundación para o Software Libre, xa sexa a versión 3 desta licenza ou (á súa elección) calquera versión posterior.

Este programa distribúese co desexo de que lle resulte útil, pero SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; nin sequera coas garantías implícitas de VALOR COMERCIAL OU APTITUDE PARA UN PROPÓSITO DETERMINADO. Para máis información, consulte a licenza pública xeral de GNU.

Xunto con este programa, debería poder atopar unha copia da licenza pública xeral de GNU. De non ser así, vexa <http://www.gnu.org/licenses>.

Inclúa tamén información de contacto que lles permita ás persoas destinatarias comunicarse con vostede, xa sexa por correo electrónico ou convencional.

Se o programa admite a interacción por texto, asegúrese de que mostre un breve aviso como o que se inclúe a continuación cando se inicie en modo interactivo:

Copyright (C) <nome do autor>

Este programa proporciónase SEN GARANTÍAS DE NINGÚN TIPO; para máis información escriba 'amosar g'.

Este programa é software libre e vostede pode redistribuílo consonte certas condicións; para máis información, escriba 'amosar c'.

As hipotéticas ordes amosar g e amosar c deberían amosar as partes correspondentes da licenza pública xeral. De máis está dicir que as ordes do seu programa poden ser diferentes; para unha interface gráfica de persoa usuaria, debería utilizar un cadro de diálogo do tipo «Sobre...».

No caso de que traballe como programador ou programadora para unha entidade empregadora ou estabelecemento educativo, asegúrese tamén de que asinen unha renuncia de dereitos de autor para o programa, se fose necesario. Para máis información verbo deste respecto e sobre como aplicar e cumprir a GNU GPL, vexa en http://www.gnu.org/licenses/.

A licenza pública xeral de GNU non autoriza a inclusión do seu programa en programas pechados. Se o seu programa fose unha biblioteca de subrutinas, poida que considere máis útil permitir a vinculación de aplicacións pechadas coa biblioteca. Se vostede desexar facer isto, utilice a licenza pública xeral reducida de GNU en lugar desta licenza. Pero primeiro, por favor, lea a información que se inclúe en https://www.gnu.org/licenses/why-not-lgpl.html.

Revisión

07/25/2023 - 21:08
Parodper