Problemas Windows-Trisquel
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios
Acabo de instalar Trisguel 1.5 nun disco duro onde xa previamente estaba instalado Windows XP. A estrutura do disco é a seguinte:
/dev/hda1 -> Trisguel 1.5 con sistema de arquivos XFS (60 GB).
/dev/hda2 -> Windows XP SP2 con sistema de arquivos NTFS (60 GB).
/dev/hda3 -> Particicón NTFS para compartir (120 GB).
O problema é que, unha vez instalado Trisguel 1.5, se ben me aparece no LILO a opción de arrincar en Windows XP, este non se arrinca e sáeme unha mensaxe de erro dicíndome que o arquivo \windows\system32\hal.dll non existe ou está danado e que probe a reinstalalo. Xa probei a reinstalar ese arquivo e todo segue igual... O peor de todo é que isto me obriga a reinstalar Windows XP por completo, coa perda de tempo e de datos que iso supón. E máis aínda: ao instalar de novo Windows XP na súa partición, este convértese no sistema operativo de inicio por defecto e aparece un menú de inicio múltiple de Windows no que non aparece Trisguel 1.5, así que xa non podo acceder a el. En resumo, que cando instalo un sistema perdo a accesibilidade ao outro e viceversa. Antes tiña instalado Trisguel 1.0 e non me daba este problema, como tampouco nunca tiven este problema con outras distribucións de Linux que teño usado, como por exemplo Ubunto ou Debian. Como podo solucionar isto?
Por certo, quero aproveitar tamén para consultar outras catro dúbidas que me xurdiron durante e despois da instalación de Trisguel 1.5:
1. Eu antes sempre instalaba Linux nunha partición EXT3, pero esta vez escollín a que dá o instalador por defecto: XFS. Gustaríame saber cal é a diferenza entre unha partición XFS e unha partición EXT3 e cando debemos de elixir unha ou outra.
2. Unha cousa que me sorprendeu un pouco é que o instalador non me deu a opción de facer unha partición SWAP. Eu, coas outras distribución de Linux que teño usado, sempre facía unha partición dese tipo e teño entendido que é recomendábel para optimizar o rendemento do sistema. Que opinades sobre isto?
3. A pantalla que aparece antes de cargarse o escritorio, pedindo que escriba o nome de usuario e o contrasinal, sempre aparece nunha resolución errada que fai que practicamente non se poida ler. Ao principio pasaba o mesmo co propio entorno do escritorio, mais iso solucioneino cambiando a resolución de pantalla no panel de control de GNOME. Porén, aquela pantalla inicial segue a saírme coa resolución mala e non sei como cambiala...
4. Eu teño unha impresora HP PSC 1410. Trisguel 1.5 dáme a opción de instalar un montón de controladores de HP, pero entre eles non está o da miña impresora. Probei a instalar algúns dos outros controladores de HP (os que máis se parecían), pero non son compatíbeis. Onde podo atopar un controlador para Linux da miña impresora? (o CD da impresora só trae os drivers para Windows e Mac).
Iso é todo. Desculpas pola extensión e grazas por adiantado. E noraboa polo novo traballo, que, malia eses pequenos problemiñas que tiven, paréceme moito máis atractivo e completo que o Trisguel 1.0.
1: xfs fai un meior uso da memoria e aproveita máis o disco. A única "vantaxe" de ext3 e que pode ser leida dende windows (con software especifico).
2: Trisquel crea o seu propio _arquivo_ de swap, polo que non precisa de partición.
3: Esto débese o sistema de autoconfiguración do Xorg. De momento non ten máis solución que editar o arquivo xorg.conf fixando unha resolución a man.
4: http://www.linuxprinting.org/show_printer.cgi?recnum=HP-PSC_1410
Ok. Todas as miñas dúbidas quedaron resoltas, aínda que cun pouquiño de retraso ;-) Moitas grazas.
- Inicie sesión ou rexístrese para enviar comentarios