Aterrizou a Trisquel 3.0 STS "Dwyn"!

Trisquel 3.0 Dwyn

Hónranos anunciar o lanzamento de Trisquel GNU/Linux 3.0, nome en clave Dwyn. Trátase da primeira dunha nova serie de versións con soporte a curto prazo que inclúen software en versións moi recentes, un mellor rendemento e maior compatibilidade con hardware, e que farán boa compaña á rama de soporte a longo prazo 2.x Robur. A versión 3.0 será actualizada a 3.5 dentro de seis meses, e recibirá melloras durante outros seis. A versión 2.2 LTS, lanzada fai uns días, recibirá actualizacións de seguridade ata o ano 2013.

Este lanzamento incluirá dúas edicións: a versión estándar de Trisquel, e unha nova edición "mini" -que estará dispoñible nuns días- pensada para netbooks e computadores máis vellos, e fai uso de software lixeiro con requisitos baixos, coma o entorno de escritorio XFCE, o navegador Epiphany, o cliente de correo Sylpheed, ou o procesador de textos Abiword. A edición estándar segue a fornecer dunha solución completa de escritorio, incluíndo os aspectos de oficina, multimedia e a rede, e por suposto mantendo o noso compromiso de promover e distribuír exclusivamente software libre.

Live CDEse mesmo compromiso é o que levou á Free Software Foundation a aumentar o seu soporte ao proxecto, promovendo por todo o mundo o uso de Trisquel GNU/Linux. Ademáis colaboran cun mirror completo nos Estados Unidos, e documentando a instalación e uso de Trisquel en entornos de servidor, o cal permitirá unha futura migración das súas propias máquinas.

Trisquel 3.0 Dwyn inclúe, na súa versión estándar:

  • Linux-libre 2.6.28
  • GNOME and Evolution 2.26
  • OpenOfice.org 3.0
  • Trisquel web browser (Mozilla based) 3.0
  • GIMP 2.6

OpenOffice.org 3.0.1

Tamén incorpora unha gran cantidade de utilidades coma Pidgin, Inkscape, Transmission, Brasero, os xogos de GNOME, e o media center Elisa. Trisquel fornece soporte para practicamente tódolos formatos de audio e vídeo incluíndo os DVDs protexidos contra copia, e é compatible coas tecnoloxías Java e Flash, empregando unicamente software libre. A partires da versión 2.2, esta edición ven cos seguintes idiomas pre-instalados: Inglés -por defecto-, Castelán, Catalán, Chinés, Francés, Galego, Hindi, Portugués, e Vasco. Durante a instalación ofrécese soporte para empregar outros 50.

A rama 2.x LTS tamén foi actualizada hoxe (a 2.2.1), incluíndo o último sistema de eliminación de blobs de linux-libre, para un kernel aínda máis libre e con mellor soporte de hardware. Engadiuse tamén unha aplicación para crear discos usb live.

Aproveitamos a ocasión para pedirvos axuda. Precisamos mantedores de paquetes, probadores, tradutores, e documentadores. Estamos a comezar novos proxectos coma unha edición para servidores e unha imaxe de CD para instalación por rede, así que tamén damos a benvida a administradores de sistemas e hackers con experiencia en redes.

Acerca de Trisquel

Trisquel GNU/Linux é unha versión do sistema operativo GNU que emprega o kernel Linux. O obxectivo principal do proxecto é a produción dun sistema totalmente libre que sexa sinxelo de usar, completo, e con un bo soporte de idiomas.

Trisquel executándose nun netbook O proxecto naceu no ano 2004 co apoio da Universidade de Vigo, e foi presentado oficialmente en Abril do 2005 coa presenza coma invitado de honra de Richard Stallman, fundador do proxecto GNU. O proxecto Trisquel mantén os seus propios repositorios, derivados dos compoñentes main e universe de Ubuntu, pero eliminando todo o software privativo. As diferencias inclúen o borrado de tódolos paquetes non libres, a substitución do kernel orixinal Linux pola versión sen blobs linux-libre, e o engadido de varios paquetes.

O 11 de Decembro de 2008, Trisquel GNU/Linux foi incluída pola Free Software Foundation na lista de distribucións GNU/Linux totalmente libres, dispoñible na páxina do proxecto GNU, tras pasar un proceso de verificación que confirmou o compromiso do equipo e comunidade de desenvolvemento de Trisquel coa promoción e distribución soamente de software 100% libre.

Sáb, 09/26/2009 - 19:03

Noraboa, seguide traballando nisto!